|
Os morcegos son un dos grupos animais máis descoñecidos e ameazados a nivel global (IUCN, 2001; Racey & Entwistle, 2003). En Galicia están citadas ao menos 20 especies de quirópteros (Arcea, 2006), pertencentes a 2 grandes familias, a dos Rinolófidos ou morcegos de ferradura, con 3 representantes no noso territorio, e a dos Vespertiliónidos, con 15 representantes. Neste reconto non se inclúen as especies crípticas que se atopan en proceso de determinación (Ibáñez et al., 2006), cuxa presenza en Galicia está por definir. Este grupo faunístico constitúe unha parte significativa da diversidade biolóxica galega, ao supoñer o 30% do total de especies de mamíferos terrestres autóctonos presentes.
As 20 especies atópanse incluídas no Anexo IV da Directiva Hábitat (92/43/CEE), e 9 no seu Anexo II (todas de conservación prioritaria); 9 están ademais catalogadas en Galicia como vulnerables, de acordo ao Catálogo galego de especies ameazadas (Decreto 88/2007 do 19 de abril).
|