|
Os morcegos son pequenos mamíferos voadores de hábitos eminentemente nocturnos, que se relacionan co medio que os rodea a través da emisión de ultrasóns. Cada especie emite chamadas características, que se diferencian das doutras especies polo seu rango de frecuencias, intensidade, duración e tempo de separación entre elas. Os morcegos de ferradura emiten polo nariz, mentres que os vespertiliónidos fano pola boca, motivo polo cal é moi frecuente observar fotografías destas especies coa boca aberta ensinando os dentes.
As especies de morcegos presentes en Galicia pódense agrupar de diferente forma:
- De acordo ás diferentes zonas de alimentación que utilizan. Hai especialistas en bordes, especialistas en ocos entre a vexetación, e especialistas en zonas de vexetación mesta (Schnitzer & Kalko, 1998).
A. Nóctulo grande, nóctulo mediano (Nyctalus lasiopterus/noctula). B. Morcego de horta (Eptesicus serotinus). C. Morcego común (Pipistrellus pipistrellus). D. Morcego grande de ferradura (Rhinolophus ferrumequinum).
- De acordo aos diferentes tipos de refuxios que seleccionan. Así, hai especies que atopan refuxio principalmente en árbores, mentres que outras ocupan edificacións de diferente tipoloxía, explotacións mineiras abandonadas ou minas de auga.
- De acordo ás zonas que ocupan dentro dun refuxio. Hai especies que necesitan espazos amplos e colgan directamente do teito, mentres que hai outras que atopan refuxio en pequenas fendas das paredes, debaixo de tellas, nas codias das árbores ou en calquera outro refuxio de similares características.
A importancia da temperatura no ciclo vital dos morcegos Os morcegos son animais homeotermos, cuxo rango de temperatura corporal cando están activos oscila entre os 35 e os 39ºC.
A vida dun morcego xira en torno á procura de refuxios que lle ofrezan en cada caso as temperaturas máis próximas ao rango no que pode manter a temperatura corporal constante sen que lle supoña un costo adicional de enerxía. Este rango sitúase entre os 30 e os 35ºC, e denomínase zona termoneutral. Cando a temperatura corporal descende por baixo do límite inferior da zona termoneutral, os animais poden xerar calor incrementando o seu metabolismo para manter a temperatura corporal constante. Ante esta situación, os morcegos poden decidir se utilizan as súas reservas enerxéticas para manter a temperatura corporal normal, ou se a deixan descender ata aproximarse ou igualar a temperatura ambiente, entrando nun estado de letargo diúrno ou torpor, o que lles permite minimizar as súas necesidades metabólicas. Esta decisión depende non só da temperatura ambiental, senón tamén da dispoñibilidade de alimento e da condición reprodutora do exemplar (Neuweiler, 2000).
Todas as especies de morcegos en Galicia hibernan. A hibernación é un estado de torpor prolongado, que as especies afrontan tras un período de acumulación de graxa. Os morcegos seleccionan os lugares para hibernar en función da cantidade de reservas de graxa que foron capaces de acumular, e de acordo ás condicións climatolóxicas existentes. A maioría dos morcegos cambian varias veces de refuxio ao longo do inverno. En condicións naturais, os morcegos non necesariamente dormen continuamente durante todo o inverno; poden alternar períodos curtos e longos de torpor. Canto menor é o peso corporal, é máis fácil atopar exemplares activos durante o inverno. Na natureza non é común que un morcego durma máis de 80 días seguidos, atopándose o rango normal de sono entre os 5 e os 17 días (Neuweiler, 2000).
Un dos factores máis importantes no proceso de espertar da hibernación é a temperatura ambiental. A temperatura crítica inferior é o punto de conxelación; a 0ºC un morcego pode manter a súa temperatura corporal a 2ºC por un corto período de tempo estremecéndose, pero despois de certo tempo, o morcego esperta, de forma que pode moverse a lugares máis cálidos. A temperatura crítica superior varía segundo a especie, pero sitúase de media en torno aos 10ºC, o que permite á especie moverse a lugares máis fríos. Outro estímulo que induce á saída da hibernación é a perda de auga por evaporación. A necesidade de beber pode ser a causa principal de que un morcego interrompa longos períodos de hibernación a intervalos irregulares (Neuweiler, 2000).
Os morcegos necesitan contar cunha elevada dispoñibilidade de refuxios, nos que poidan atopar en cada caso o rango de temperaturas adecuado para poder manterse en boa condición física e poder reproducirse con garantías. Cada vez que se perde un refuxio, estáselles poñendo trabas á súa supervivencia.
Os morcegos non son ratos En relación ao seu tamaño, os morcegos amosan, sorprendentemente, unhas taxas reprodutivas baixas, o que dá como resultado un crecemento poboacional relativamente lento, e polo tanto unha capacidade limitada para recuperarse de colapsos poboacionais, de aí o maior risco de extinción local que presentan (Barclay & Harder, 2003; Racey & Entwistle, 2000). Os trazos do ciclo vital dos morcegos son máis similares, en xeral, aos dos mamíferos con tamaños corporais maiores. A súa baixa taxa reprodutiva é compensada cunha baixa mortalidade e con esperanzas de vida amplas, nalgúns casos de máis de 20 anos (Racey & Entwistle, 2000).
O resultado da baixa taxa reprodutora reflíctese xeralmente nunha serie de trazos do ciclo vital: tamaño da camada, número de camadas por ano, idade da primeira reprodución e frecuencia de reprodución. A maioría das especies de morcegos sacan só un xuvenil ao ano, e o tamaño da camada semella reflectir a limitación da capacidade de carga das alas (Barclay & Harder, 2003; Hayssen & Kunz, 1996) e a dispoñibilidade de alimento estacional para soster a produción de leite (Racey, 1982; Racey & Entwistle, 2000).
A vida reprodutiva (e a taxa de crecemento poboacional no seu conxunto) vese afectada por outros factores intrínsecos. A idade da primeira reprodución é importante á hora de determinar o número de anos en que os morcegos van poder producir xuvenís. Nalgunhas especies a idade da primeira reprodución atrásase ata o terceiro ou cuarto ano de vida (como é o caso do morcego grande de ferradura), aínda que outras quédanse preñadas xa no seu primeiro ano (Racey & Entwistle, 2000). Ademais, nalgunhas especies é común a existencia de individuos que non se reproducen, con ata o 50% de efectivos que deixan de criar nun determinado ano (Entwistle, 1994; Grindal et al., 1992; Lewis, 1993). O feito de deixar de reproducirse semella variar entre anos (Lewis, 1993), e semella estar relacionado con factores climáticos (Grindal et al., 1992; Lewis, 1993; Ransome, 1995).
Polo tanto, unha serie de factores relativos aos trazos do ciclo vital (e en último termo á morfoloxía alar e limitantes asociados co crecemento e carga do feto, e a obtención de nutrientes suficientes durante a lactación), poden afectar á capacidade dos morcegos para dar resposta a cambios poboacionais importantes. Os morcegos carecen da capacidade de amortiguación que supón unha taxa reprodutiva alta, e a extinción local de especies, como o morcego rateiro grande (Myotis myotis) no Reino Unido (Stebbings, 1992), subliña a dificultade para as poboacións de recuperar efectivos coa rapidez suficiente para contrarrestar a mortalidade (Racey & Entwistle, 2003).
Ciclo vital dos quirópteros As poboacións de morcegos estrutúranse en torno aos refuxios de cría, que acollen case en exclusiva a agrupamentos de femias reprodutoras, e que actúan como unidades independentes dentro dunha mesma poboación. Arredor destes lugares atópanse toda unha serie de refuxios periféricos e estacionais, nos que van entrar en contacto os efectivos que ocupan un territorio dado. Pódense identificar así refuxios que son ocupados por machos solitarios mentres as femias dan a luz e coidan das crías, refuxios onde se producen as cópulas despois de que as femias abandonen as colonias de reprodución, e aqueles nos que se forman os agrupamentos de hibernación (Racey & Entwistle, 2000).

A importancia da conservación dos refuxios de morcegos A perda dun refuxio de reprodución implica que a colonia que albergaba teña que atopar outro alternativo, sen que se incorporen, como se pensaba, a outras colonias existentes (Racey & Entwistle, 2003). Se a dispoñibilidade é limitada, a perda dun refuxio terá un efecto negativo sobre a poboación de morcegos, levando en ocasións a extincións locais das especies máis esixentes.
|