Project access
| Resumo |
|
Os quirópteros son un dos grupos animais máis descoñecidos e ameazados a nivel global. Aínda que de forma irregular segundo os distintos países, os morcegos comezaron a recibir unha considerable atención, debido á diminución constatada ou percibida do tamaño das súas poboacións, atribuída á acción do home sobre os seus hábitats. O proxecto QUIROTEC ten por finalidade explorar a capacidade das redes de sensores inarámicas para a monitorización simultánea e a longo prazo das variacións temporais e espaciais da presenza e abundancia relativa de morcegos fóra dos seus refuxios e das variables que poden explicalas. A posibilidade da integración de detectores de ultrasóns sobre nodos de comunicación ZigBee conxuntamente con sensores de parámetros ambientais como a temperatura, humidade relativa, luminosidade ou a presión atmosférica, abre novas potencialidades no estudo do hábitat dos morcegos, ao estimarse, vai permitir: 1) a automatización das mostraxes; 2) a toma de datos simultáneos nun número elevado de puntos de mostraxe e 3) durante longos períodos de tempo; 4) a xeración de amplas series de datos 5) facilmente analizables, e 6) a súa transmisión en tempo real a unha páxina web onde poidan ser consultadas polos usuarios autorizados, todo iso 7) a un custo reducido en comparación cos métodos tradicionais de mostraxe con detectores de ultrasóns. O proxecto desenvolverase a través dun caso piloto que analizará a selección do microhábitat do morcego común (Pipistrellus pipistrellus) nas áreas urbanizadas do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (PNMTIAG a partires de agora), en concreto na illa do Faro, no arquipélago das Cíes. O obxectivo xeral do proxecto é a construción dunha plataforma robusta, eficiente e eficaz de monitorización de variables ambientais nos hábitats de alimentación e desprazamento das especies de morcegos presentes nunha área determinada. O sistema deséñase baixo a premisa da súa exportabilidade ao conxunto dos espazos que compoñen a Rede Natura 2000 en Galicia, da que o PNMTIAG forma parte, para o estudo específico do hábitat doutras especies de morcegos e en xeral de calquera especie de fauna e flora. Deste xeito créase unha ferramenta con grandes potencialidades para a monitorización da biodiversidade en todos os espazos naturais protexidos de Galicia.
|